Friday 05 de July de 2024

A compañía eléctrica soterra o tendido eléctrico en catro rúas de Corme-Porto


 A empresa xustifica esta actuación polos danos ocasionados no tendido ao estar preto do mar.

A compañía eléctrica Naturgy está acometendo os traballos de soterramento de varias liñas de baixa tensión en Corme-Porto, concretamente no tendido eléctrico que discorre, principalmente pola rúa Real (dende a intersección con Virxe dos Remedios), a rúa Virxe dos Remedios, a rúa Arnela e a Avenida Alto da Costa.

A empresa xustifica a necesidade desta obra alegando danos nas liñas pola súa proximidade ao mar, que ocasionou desgaste no tendido eléctrico.

O primeiro dos proxectos afecta á rúa Virxe dos Remedios, a rúa Real e á rúa Arnela, afectando tamén á rúa Voluntariado e ten un orzamento de 58.735,95 euros. O segundo, que é a continuación do anterior, actuará na rúa Arnela e na Avenida Alto da Costa e suporá un investimento de 57.679,66 euros.
Esta actuación ten como obxectivo, por unha banda, mellorar o servizo que se lle ofrece á veciñanza de Corme-Porto e, pola outra, facer a instalación máis segura e máis protexida do desgaste producido polo mar no cableado.